O Morrazo é una rexión cultural con raíces profundas que se remontan ata a Idade de Bronce. É un refuxio das artes máis tradicionais e tamén epicentro das vangardas, con algúns dos festivais culturais de maior traxectoria da escena española.
Música, cine, teatro… danse cita ó longo do ano en:
Festival Alborada e Festival Tromentelo
A música tradicional galega é a protagonista dos veráns do Morrazo con dous festivais que xa pasan das 20 edicións, cada un. Organizados polas Bandas de Gaitas Manxadoira (Bueu) e Tromentelo (Cangas) respectivamente. Trátase de dous importantes eventos que atraen a locais e foráneos por igual.
As dúas bandas realizan un traballo incansable na recuperación e promoción da música tradicional galega, actividade que acompañan coa formación de novos intérpretes e na promoción de novos grupos. Ademáis, son un invitado habitual nos principais eventos festivos do Morrazon, nos que a música tradicional, os bailes e a gastronomía son parte fundamental da festa.
Engádeo á túa axenda:
Datas indicativas: Finais de xullo (Alborada) e agosto (Tromentelo)
Webs oficiais: facebook.com/manxadoira e facebook.com/bandadegaitastromentelo
Festival Intercéltico do Morrazo
O FIM é o festival folk máis veterano de Galicia, que se vén celebrando de forma ininterrompida dende 1985, é un clásico na axenda musical do verán no Morrazo. Coa sua chegada, a vila de Moaña énchese de actividades musicais, obradoiros, concertos… e unha importante mostra de instrumentos tradicionais.
O FIM combina a música tradicional galega co mellor do panorama céltico internacional, nun dos programas máis completos do sur de Europa. Por este motivo, declarado evento de Interés Comunitario polo Parlamento Europeo e como evento de Interés Cultural polo Ministerio de Cultura.
Engádeo á túa axenda:
Datas indicativas: última semana de xullo – primeira de agosto
Web oficial: facebook.com/FestivalIntercelticoMorrazo
MITCFC – Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
O teatro toma a vila de Cangas por asedio e convértea nunha “vila-teatro” durante a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC): teatro na rúa, exposicións, obradoiros, coloquios e charlas únense a unha importante programación no Auditorio de Cangas. Fundada en 1984 pola asociación Xiria, é un dos eventos máis importantes a nivel mundial sobre teatro no que o humor é o foco.
Prazas, praias, xardíns, capelas, case calquera lugar pode ser o escenario da Mostra, que está deseñada para todos os públicos.
Ademais, trátase dun evento no que a paridade era clave moito antes de que normativas estatais e autonómicas fixasen os criterios de actuación neste sentido, o que se reflicte na súa composición e xurado, e a través de distintas iniciativas como o Premio Mulleres en Acción, que ten lugar ao amparo da MITCFC.
Engádeo á túa axenda:
Datas indicativas: primeira metade de xullo.
Web oficial: mostrateatrocangas.gal
FICBUEU – Festival Internacional de Curtas de Bueu
Setembro trae ao Morrazo as mellores curtametraxes da escea nacional e internacional a través do FICBUEU. O festival, creado en 2008 para achegar ao gran público estes filmes de curta duración e gran valor cultural, conta cunha importante sección internacional ás que se engaden as seccións experimental, a familiar, a infantil, a de comedia e a sección galega, feito polo que é un importante evento para todo tipo de públicos.
O FICBUEU proxecta no Centro Social do Mar preto de 100 pezas curtas de 40 países en cada unha das súas edicións. Entre estas pezas atópanse tamén films de novos creadores das escolas nacionais e internacionais do cinema.
Ademais, o programa do Festival Internacional de Curtas de Bueu compleméntase con diferentes concertos, presentacións, encontros, obradoiros para profesionais e unha oferta gastronómica que trae ós bares e restaurantes de Bueu propostas divertidas e orixinais na coñecida como a “Ruta das Tapas 5 Estrelas”.
Engádeo á túa axenda:
Datas indicativas: setembro
Web oficial: ficbueu.com
Festivais de Jazz en Cangas e Moaña
O Festival Internacional de Jazz de Cangas (CanJazz) trae á vila unha interesante proposta musical con figuras nacionais e internacionais que fan as delicias do público nas prazas e clubes, e tamén en espazos únicos como a Capela do Hospital.
O CanJazz é outro dos veteranos da escena musical galega, con preto de 40 anos de antigüidade. Ademais é de asistencia totalmente gratuíta e completa a súa oferta con obradoiros de iniciación ó jazz, masterclasses, sesións vermú e jam sessions.
O Jazz tamén é o protagonista do Festival de Jazz de Moaña, que trae á praia da Xunqueira jam sessions e concertos dalgunhas das principais referencias do jazz contemporáneo galego. Un festival máis novo pero que sirve de preludio para o xa consolidado CanJazz.
Engádeo á túa axenda:
Datas indicativas: Os dous se celebran en agosto
Web oficial: facebook.com/festivalcanjazz/ e facebook.com/festivaldejazzdemoana
SonRías Baixas
O SonRías Baixas e sinónimo de tres días de música, praia e gastronomía. O festival musical, creado a comezos do século XXI, é un dos festivais de referencia na escena do rock español e da fusión mediterránea, cun completo cartel que combina a grupos consagrados con novos descubrimentos. A súa grande capacidade de convocatoria consegue triplicar nunha sola fin de semana a población de Bueu, que pasa de ter os preto de 12.000 veciños de todo o ano, a máis de 34.000.
Integrado na contorna, a súa proposta cultural vai más aló da música, con microeventos, visitas turísticas guiadas, gastronomía local e unha área de acampada para os máis novos. O festival foi, por outro lado, o pioneiro en incorporar unha potente oferta gastronómica local á oferta musical, con probas de viño Tinta Femia e degustación de Polbo das Rías, entre outras.
Os seus organizadores teñen sido galardonados co Premio á Excelencia nos Iberian Festival Awards polo seu papel e importancia na industria dos festivais en España e Portugal.
Engádeo á túa axenda:
Datas indicativas: agosto
Web oficial: sonriasbaixas.info
Morrasound Rock Festival
O Morrasound nace, en Moaña, coa intención de asentar a nosa seña de identidade fusionando a música rock coas artes escénicas e deportes alternativos. Situado nun espazo natural con marabillosas vistas á ría de Vigo, o público pode non só desfrutar dun festival de concertos, senón ademais dun espazo que abarca os espectáculos teatrais máis variopintos, e exhibicións deportivas alternativas como o dirt jump. Todo isto sen esquecer as referencias clásicas do mundo do rock. A organización intenta, desta maneira, unir estas diversas disciplinas que reclaman tanto as vellas como as novas xeracións.
Engádeo á túa axenda:
Datas indicativas: xuño/xullo
Web oficial: morrasound.com
Máis datas destacadas no Morrazo
Completa a túa viaxe polo Morrazo coa súa animada axenda de eventos, festas e tradicións únicas. Descubre as animadas festas gastronómicas e os seus espectaculares produtos de proximidade ou somérxete como un veciño máis nas festas tradicionais máis curiosas.
Consello: Confirma con antelación as datas de celebración de cada un dos festivais que che interesan. As invitacións e entradas, no caso de ser necesarias, póñense á venta con antelación abondo e tenden a estar dispoñibles a través das súas webs e canais de reservas online. Nalgúns casos, o acceso é libre e gratuíto, aínda que poden aplicarse distintos aforos dependendo do lugar de celebración.